A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, é o órgano da Xunta de Galicia que ten atribuídas as competencias en materia de comercio, tal e como determina o Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
Co obxectivo de fixar unha estratexia que permita acadar a calidade, a excelencia e a modernidade dos nosos mercados e prazas de abastos, a Xunta de Galicia pon en marcha o Plan de Mercados Excelentes 2016-2020.
O Plan configurase como unha folla de ruta a seguir polos nosos mercados e prazas de abastos de cara a conseguir a excelencia. Para iso o Plan inclúe unha guía de boas practicas, dirixida a ofrecer unha definición dos requisitos, servizos e metodoloxías que debe seguir un mercado para elevar os seus niveis de calidade e acadar así a excelencia.
A excelencia require dun esforzo de autoavaliación e xestión continúa para o cal a guía de boas prácticas ofrécese como un instrumento voluntario para a mellora progresiva da calidade ata acadar a condición de excelente.
A guía de boas practicas adáptase aos distintos tipos e ás diferentes características dos nosos mercados, recollendo a excelencia como unha medida da calidade proxectada a longo prazo en termos de instalacións, accesibilidade, organización, xestión e servizo á clientela.
O selo de Mercado Excelente, recoñece aos mercados e prazas de abastos de Galicia que obteñan a condición de excelente logo de obter a puntuación mínima que acredite o cumprimento dos estándares fixados no Plan de Mercados Excelentes 2016-2020.
O outorgamento do selo de Mercado Excelente é a resposta aos retos de modernización e innovación aos que se enfrontan as nosas prazas de abastos e mercados pero sen perder a súa autenticidade e tradición, a súa proximidade e trato personalizado e permitirá aos nosos mercados:
– Unha diferenciación e identificación coa calidade e o prestixio
– A potenciación da actividade comercial
– O incremento do seu atractivo e interese turístico.
En consecuencia, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de fixar unha estratexia que permita acadar a calidade, a excelencia e a modernidade dos nosos mercados e prazas de abastos.
2. O selo de Mercado Excelente distinguirá aos mercados e prazas de abastos galegos que acaden os estándares de calidade que se establecen como mínimos e indispensables no Plan de Mercados Excelentes 2016-2020, referidos á arquitectura, á xestión, ás obrigas e responsabilidades dos praceiros e das praceiras, aos produtos, os servizos á clientela e outros valores engadidos.
Artigo 2. Requisitos das entidades beneficiarias
Poderán obter o selo de Mercado Excelente os mercados e prazas de abastos situados na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos obrigatorios e acaden a puntuación mínima que para cada un dos apartados se establecen no Plan de Mercados Excelentes 2016-2020 e que figuran no anexo II, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde.
Artigo 3. Solicitudes e documentación
1. Poderán solicitar o selo de Mercado Excelente os concellos e as asociacións ou cooperativas de praceiros e praceiras legalmente constituídas.
2. A presentación das solicitudes realizarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada.
3. Xunto coa solicitude, segundo o modelo normalizado que se inclúe como anexo I, deberá achegarse a seguinte documentación:
a) Para concellos:
1º. Memoria descritiva que xustifique o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2.
2º. Anexo II de autoavaliación debidamente cuberto.
3º. Xustificante do pagamento da taxa correspondente, establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
4º. Só no caso de denegar expresamente a súa consulta, copia do NIF da entidade solicitante.
b) Para asociacións ou cooperativas de praceiros e praceiras:
1º. Poder suficiente de quen represente á entidade solicitante.
2º. Copia do documento nacional de identidade da persoa representante da entidade solicitante, só no caso de denegar expresamente a súa consulta no sistema de verificación de datos de identidade.
3º. Memoria descritiva que xustifique o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2.
4º. Anexo II de autoavaliación debidamente cuberto.
5º. Xustificante do pagamento da taxa correspondente, establecida na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.
6º. Só no caso de denegar expresamente a súa consulta, copia do NIF da entidade solicitante.
7º. Acta, escritura ou documento de constitución e estatutos e modificacións posteriores da entidade solicitante, se é o caso, acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.
4. A documentación complementaria deberá presentarase electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
Non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
5. Se na solicitude se advirten defectos ou falta de documentación notificarase ás persoas interesadas e daráselles un prazo de dez días para emendaren os erros ou omisións. No requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixeren, se terán por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse consonte o disposto no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
Artigo 4. Órganos competentes
1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente. A devandita instrución rematará coa proposta de resolución que se elevará á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria.
2. Corresponderalle á persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria ditar a resolución de outorgamento do selo de Mercado Excelente.
Artigo 5. Comprobacións
1. Unha vez presentada a solicitude, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo realizará a comprobación do cumprimento dos requisitos obrigatorios exixidos e avaliará cada un deles outorgándolles a puntuación correspondente.
2. A comprobación prevista no apartado anterior poderá ser realizada directamente polo persoal da Dirección Xeral de Comercio e Consumo ou por unha entidade avaliadora especializada designada para o efecto polo órgano instrutor.
3. A entidade avaliadora e o persoal técnico encargado emitirá un informe sobre o cumprimento ou non dos requisitos exixidos para ter a condición de Mercado Excelente, que será elevado á Dirección Xeral de Comercio e Consumo para formular a súa proposta de resolución.
Artigo 6. Consentimento e autorizacións
1. Para a verificación do cumprimento dos requisitos e para a súa avaliación a entidade solicitante deberá permitir o acceso a todas as instalacións da praza ou mercado que sexan obxecto de avaliación e permitir constatar in situ as prácticas de xestión adoptadas. Así mesmo, deberá facilitar calquera documentación que sexa necesaria para acreditar o seu cumprimento e resultados.
A presentación da solicitude comporta a autorización prevista no punto anterior e nela deberá designarse a persoa responsable e encargada de facilitar as tarefas de comprobación e inspección.
2. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente datos en poder das administracións públicas. Só no caso de oposición expresa no modelo de solicitude as persoas interesadas deberán achegar os documentos acreditativos correspondentes.No caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a súa presentación.
3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 53.1 d) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia nos que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen más de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos aos que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
Artigo 7. Datos de carácter persoal
De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autorízase polas persoas interesadas mediante a presentación de solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións Administrativas coa Cidadanía e Entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar ás persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Caetano, s/n, bloque 5, planta 4ª, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.gal
Artigo 8. Resolución e notificación
1. O prazo máximo para resolver o procedemento para o outorgamento do selo de Mercado Excelente será de 5 meses contados a partir do día seguinte á presentación no rexistro das solicitudes. Se neste prazo non se ditara resolución expresa entenderanse como estimadas as solicitudes presentadas.
2. A resolución que será motivada, conterá polo menos as condicións da utilización do selo, o período de validez deste, as condicións para a súa renovación e as posibles causas de revogación.
3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante a plataforma de notificación electrónica dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://notifica.xunta.gal). De acordo coa normativa vixente en materia de desenvolvemento da administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, o sistema de notificación permitirá acreditar a data e hora na que se produza a posta á disposición da persoa interesada do acto obxecto de notificación, así como a de acceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais. Sen prexuízo do anterior, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia poderá remitir ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións, mediante correo electrónico dirixido ás contas de correo que consten nas solicitudes para os efectos de notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada.
5. Se transcorren dez días naturais desde a posta á disposición dunha notificación electrónica sen que accedese ao seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada e terase por efectuado o trámite seguíndose o procedemento, salvo que de oficio ou por instancia da persoa destinataria se comprobe a imposibilidade técnica ou material do acceso.
6. Se a notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa vixente en materia de procedemento administrativo.
Artigo 9. Réxime de recursos
As resolucións do procedemento ditadas ao amparo desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta fose expresa. Se a resolución non fora expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel na que a resolución debería ter sido ditada.
b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Artigo 10. Utilización do selo de Mercado Excelente
A concesión do selo de Mercado Excelente, implicará os seguintes compromisos e facultades:
a) As prazas de abastos e mercados comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da puntuación mínima para acadar o selo de Mercado Excelente ou, de ser o caso, notificar á Dirección Xeral de Comercio e Consumo calquera variación nestes, no prazo dun mes desde que se produza o feito que implica tal variación.
b) A Xunta de Galicia e as prazas de abastos e mercados que obteñan o selo de Mercado Excelente poderán utilizalo nas súas accións de comunicación e publicidade, respectando a súa representación gráfica establecida no Plan de Mercados Excelentes de Galicia 2016-2020 publicado na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria http://www.xunta.es/ceei e no portal do comerciante http://www.portaldocomerciante.es
c) O selo de Mercado Excelente poderá ser valorado para os efectos de obtención de axudas da Xunta de Galicia conforme ao establecido na orde de convocatoria correspondente.
Artigo 11. Seguimento e inspeccións
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá realizar por si mesma, a través do seu persoal, ou por medio de entidade colaboradora cantas comprobacións e inspeccións considere necesarias para garantir o cumprimento e o mantemento dos requisitos que serviron de base para a concesión do selo de Mercado Excelente, e poderá solicitar para iso canta información sexa necesaria, así como acceder ás instalacións da praza de abastos e mercados nos termos previstos no artigo 6.
Artigo 12. Revogación e renuncia
1. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, logo da audiencia á praza de abastos ou mercado, poderá revogar mediante resolución motivada o selo de Mercado Excelente, no caso de perda das condicións que deron lugar á concesión do selo ou no caso de resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación, inspección e seguimento.
2. A praza de abastos ou mercado poderá renunciar ao dereito ao uso do selo notificándoo á Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
3. A revogación e a renuncia implica a retirada do selo de Mercado Excelente e a praza de abastos ou mercado afectada non poderán facer uso deste a partir da data da notificación da revogación ou, de ser o caso, da comunicación da renuncia.
Artigo 13. Renovación do selo de Mercado Excelente
1. O recoñecemento como Mercado Excelente ten unha vixencia de 3 anos, ao fin dos cales deberá ser renovado por períodos sucesivos de igual duración.
2. Transcorrido o prazo de validez do selo de Mercado Excelente, o mercado ou praza de abastos deberá solicitar a súa renovación ante a Dirección Xeral de Comercio e Consumo cunha antelación mínima de 6 meses á expiración do prazo da súa validez, e achegará xunto coa solicitude, anexo I de renovación, o anexo II de autoavaliación de mantemento dos requisitos que deron lugar a súa concesión. No caso de non solicitar a renovación no prazo indicado, o selo de Mercado Excelente quedará sen efecto transcorrido o seu período de validez.
3. Se transcorrido o período de validez, a Consellería de Economía, Emprego e Industria non resolvera a solicitude de renovación, poderá entenderse renovado o selo de Mercado Excelente.
Disposición adicional
Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facultase á persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2017
Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria