Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Mércores, 7 de novembro de 2012 Páx. 41683

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 211/2012, do 25 de outubro, polo que se regula o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica.

A Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do artigo 30.1.4 do seu Estatuto de autonomía, ten competencias exclusivas en materia de comercio interior e defensa do consumidor e usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia. Estas competencias autonómicas, que comprenden tanto a función normativa como a executiva ou de xestión, deben exercerse de acordo coas bases e a ordenación na actuación económica xeral e a política monetaria do Estado, nos termos do disposto nos artigos 38, 131 e 149.1, 11 e 13 da Constitución española.

O Parlamento de Galicia aprobou a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, que foi publicada no Diario Oficial de Galicia o 29 de decembro de 2010 e entrou en vigor o 19 de xaneiro de 2011.

A devandita Lei 13/2010, do 17 de decembro, regula no capítulo III do seu título II a autorización comercial autonómica, e no artigo 29 establece os supostos suxeitos á dita autorización e indica que a súa finalidade é garantir a axeitada integración territorial do establecemento comercial a través da súa planificación urbanística e da execución previa das infraestruturas e dotacións necesarias, a súa compatibilidade desde o punto de vista da protección do ambiente e a accesibilidade dos cidadáns a estes equipamentos en condicións adecuadas.

Atendendo á devandita finalidade, unicamente precisará autorización comercial autonómica a instalación, a ampliación e o traslado dos establecementos comerciais individuais ou colectivos que, destinándose ao comercio retallista de calquera clase de artigos, teñan unha incidencia ambiental, territorial, urbanística e no sistema viario que transcenda o termo municipal en que se localicen, pola súa magnitude, importancia e características.

A disposición derradeira primeira faculta o Goberno galego para ditar as normas que sexan precisas para o desenvolvemento desa lei. Con este decreto faise uso da devandita habilitación, e regúlase o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica.

Tendo en conta a complexa relación entre lei e regulamento e co obxecto de facilitar o labor interpretativo, optouse por un texto omnicomprensivo e sistemático que evite a necesidade de consultar de modo constante a Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia. Neste senso, e en garantía do principio de reserva de lei, algúns dos preceptos deste decreto constitúen unha reprodución literal dos correspondentes da referida lei que regulan a implantación dos establecementos comerciais cuxa superficie útil de exposición e venda ao público sexa igual ou superior a 2.500 metros cadrados.

Na súa virtude, en exercicio das atribucións conferidas polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e polo artigo 32.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e cinco de outubro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto regular o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica, en desenvolvemento do disposto na Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

Artigo 2. Actividades suxeitas a autorización comercial autonómica

1. De conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, o sometemento á autorización comercial autonómica da instalación de establecementos comerciais ten como finalidade garantir a axeitada integración territorial do establecemento comercial a través da súa planificación urbanística e da execución previa das infraestruturas e dotacións necesarias, a súa compatibilidade desde o punto de vista da protección do ambiente e a accesibilidade dos cidadáns a estes equipamentos en condicións adecuadas.

Atendendo á antedita finalidade, unicamente precisará autorización comercial autonómica a instalación, a ampliación e o traslado dos establecementos comerciais individuais ou colectivos que, destinándose ao comercio retallista de calquera clase de artigos, teñan unha incidencia ambiental, territorial, urbanística e no sistema viario que transcenda o termo municipal en que se localicen, pola súa magnitude, importancia e características.

2. Para estes efectos, enténdese que unicamente teñen incidencia supramunicipal e, polo tanto, están suxeitos á autorización comercial autonómica, a instalación e o traslado dos establecementos comerciais cuxa superficie útil de exposición e venda ao público sexa igual ou superior a 2.500 metros cadrados, polo impacto territorial, urbanístico, viario e ambiental xerado. Tamén será preceptiva a citada autorización no caso de ampliacións de establecementos comerciais cando a superficie que resulte tras a ampliación sexa igual ou superior a 2.500 metros cadrados.

3. Serán nulas de pleno dereito as licenzas municipais de edificación e uso do solo e mais de actividade outorgadas para a instalación, a ampliación ou o traslado de establecementos comerciais que, precisando de autorización comercial autonómica de acordo co establecido nesta lei, fosen outorgadas sen ela.

Artigo 3. Actividades non suxeitas a autorización comercial autonómica

De acordo co disposto no artigo 29.3 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, non precisan de autorización comercial autonómica:

a) Os establecementos individuais dedicados á exposición e á venda de automóbiles, embarcacións e outros vehículos, maquinaria industrial ou agrícola, materiais para a construción e artigos de saneamento, que requiran dun grande espazo físico.

b) Os mercados municipais e os denominados centros comerciais abertos.

Artigo 4. Clases de establecementos comerciais

1. Nos termos do artigo 23 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, os establecementos comerciais poderán ter carácter individual ou colectivo.

2. Son establecementos comerciais de carácter colectivo os integrados por un conxunto de establecementos comerciais individuais ou de puntos de venda diferenciados, situados nun ou varios edificios, comunicados ou non, que se proxectasen de modo conxunto con independencia de que as respectivas actividades comerciais se desenvolvan de xeito empresarialmente independente, nos cales concorran tres dos seguintes elementos:

a) Acceso común desde a vía pública, de uso exclusivo ou preferente dos/as clientes/as.

b) Áreas de estacionamento comúns ou contiguas aos diferentes establecementos para uso preferente dos/as clientes/as e que non prohiban a circulación peonil entre eles.

c) Servizos comúns para os comerciantes ou para a clientela, como a xestión común de certos elementos da súa explotación; concretamente, a creación de servizos colectivos ou a realización de actividades ou campañas de comunicación, promoción e de publicidade comercial conxunta.

d) Denominación ou imaxe común.

3. O establecemento colectivo poderá ser de uso exclusivamente comercial ou de uso comercial compartido con outros usos compatibles de servizos, ocio, hostalaría ou terciarios en xeral.

Artigo 5. Superficie útil de exposición e venda ao público

1. Consonte o disposto no artigo 30 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, enténdese por superficie útil de exposición e venda ao público toda aquela superficie onde se desenvolvan actividades de vendas e de intercambio comercial.

2. En particular, enténdense incluídos entre os espazos definidos na alínea anterior os seguintes:

a) Os mostradores, os estantes, as vitrinas, os escaparates, os andeis de bandexas ou góndolas, as illas, as cámaras ou os murais accesibles ao público, destinados á presentación dos artigos, así como os probadores.

b) Os espazos de venda, exteriores e interiores.

c) As escaleiras, os corredores e calquera outro espazo destinado á permanencia e ao tránsito de persoas, precisos para o acceso aos artigos.

d) A liña das caixas rexistradoras, así como a zona entre estas e a saída, sempre que nesta se desenvolva algunha técnica de promoción comercial, directa ou indirecta.

3. Exclúense expresamente da superficie útil de exposición e venda ao público aquelas superficies destinadas ás seguintes finalidades:

a) As dependencias ou as instalacións non accesibles ao público en xeral, nas cales non se desenvolva actividade comercial directa.

b) As zonas de estacionamento, sempre que nestas non se desenvolva ningunha actividade comercial.

c) As zonas destinadas permanentemente á restauración e ao desenvolvemento de actividades lúdicas.

Capítulo II
Procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica

Sección 1ª Solicitude

Artigo 6. Solicitude de autorización comercial autonómica

1. De conformidade co sinalado no artigo 31 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, para o caso dun establecemento comercial de carácter individual, a autorización comercial autonómica será solicitada pola persoa que vaia desenvolver efectivamente a actividade comercial.

2. No caso dun establecemento comercial de carácter colectivo, a autorización comercial autonómica deberá ser solicitada pola persoa física ou xurídica promotora. Se no establecemento comercial colectivo se integran establecementos que individualmente precisan de autorización comercial consonte o disposto no artigo 29 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, estes deberán solicitar individualmente autorización comercial autonómica no suposto de non estaren incluídos no proxecto colectivo presentado pola persoa promotora.

3. A solicitude prevista nos números anteriores será formalizada mediante escrito dirixido á consellería competente en materia de comercio, axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I, xuntando un exemplar en formato papel e cinco exemplares en soporte informático ou dixital cos datos e documentación esencial requirida nos artigos 7 a 12 do presente decreto, sen prexuízo do dereito das persoas interesadas a non achegar datos e documentos que figuren en poder das administracións públicas en virtude do artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os documentos que deban achegarse poderán ser orixinais, copias auténticas ou copias compulsadas por funcionario competente da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Documentación que acredite a identidade da persoa solicitante e o aboamento das correspondentes taxas

1. No suposto de que o/a solicitante sexa unha persoa física, a súa solicitude deberá conter os seguintes datos:

– Nome e apelidos completos.

– Número de identificación fiscal.

– Domicilio para notificacións.

2. Se o/a solicitante é unha persoa xurídica, a súa solicitude deberá conter:

– Datos do/a representante.

– Título xurídico do cal resultan as súas facultades de representación da entidade.

– Denominación e domicilio social da entidade.

– Nº de identificación fiscal.

– Escritura de constitución da entidade inscrita no rexistro correspondente, así como das súas posteriores modificacións.

3. Xunto coa solicitude, o/a solicitante deberá acreditar, por calquera medio admitido en dereito, a dispoñibilidade dos terreos ou da edificación sobre a cal se pretende exercer a autorización solicitada.

4. Así mesmo, a solicitude deberá ir acompañada do xustificante do aboamento das taxas previstas na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8. Documentación de carácter técnico relativa ao proxecto

A documentación técnica exixible é a seguinte:

1º Proxecto técnico do establecemento suxeito a autorización.

O proxecto deberá estar asinado polo profesional competente, visado polo colexio profesional correspondente e axustarse ás exixencias da normativa urbanística que resulte aplicable por razón da situación do establecemento proxectado. Ademais, deberá especificar os seguintes aspectos:

a) Superficie construída total, superficie útil, superficie de exposición e venda, así como a destinada aos diferentes usos.

b) Plano de localización na cartografía do termo municipal en que se sitúe o establecemento suxeito a autorización, a súa distancia dos diferentes centros urbanos máis próximos e vías principais de acceso desde o propio municipio e os do seu contorno.

c) Número de prazas de aparcadoiro con indicación das reservadas a persoas discapacitadas. As prazas de aparcadoiro deberán contar cunha separación mínima entre elas de 20 cm para facilitar a mobilidade das persoas consumidoras e usuarias.

d) No caso dos establecementos cualificados como colectivos, a persoa promotora deberá achegar os contratos ou precontratos coas empresas comerciais que ocupen, como mínimo, o 50 % da superficie total do establecemento proxectado.

e) Calendario previsto para a realización do proxecto, que non poderá exceder os dous anos desde a obtención da autorización comercial autonómica ata o comezo efectivo da actividade comercial.

2º) Descrición do tipo de produtos que se comercializarán na nova implantación.

3º) Certificado de clasificación e cualificación urbanística do solo onde conste a posibilidade do uso comercial do terreo.

Artigo 9. Documentación que acredite a adecuada mobilidade e accesibilidade do proxecto

Para acreditar o cumprimento dos criterios de mobilidade e accesibilidade sinalados na lei, a solicitude deberá conter a seguinte documentación:

1º) Estudo integral de mobilidade.

O estudo deberá ter o seguinte contido mínimo:

– Determinación do tráfico existente en hora punta diaria e semanal no contorno da proxectada localización do establecemento.

– Análise das conexións do centro cos núcleos urbanos máis próximos.

– Análise do incremento de desprazamentos que xerará a nova implantación comercial e da capacidade das infraestruturas e dos medios de transporte colectivo existentes para absorbelos.

– Medidas de mobilidade e medidas ambientais previstas para atender as novas necesidades, mellorar o acceso ao establecemento comercial e mitigar a incidencia do incremento acústico.

– Proposta de solucións axeitadas para a conexión ao sistema de transporte público, ben mediante a modificación ou prolongación de servizos xa existentes, ben mediante a creación de servizos alimentadores, estacionamentos disuasorios e outras medidas similares. Estas propostas incluirán as necesidades infraestruturais inherentes a tales actuacións e unha avaliación tanto dos seus custos como das compensacións de prestación de servizo público inherentes no caso de que estas fosen necesarias, que en ambos os dous casos serán por conta da persoa promotora do centro comercial.

– Valoración económica das medidas de mobilidade propostas.

2º) Memoria da cal resulte o cumprimento da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro.

3º) Certificado do/s concello/s ou da/s autoridade/s competente/s en que se acredite a existencia, na data de apertura do establecemento comercial prevista no calendario sinalado no punto 1.e) do artigo 8, dunha ou varias liñas de transporte colectivo que unan os núcleos urbanos máis próximos coa situación xeográfica do establecemento, indicando a cadencia temporal e percorrido.

En defecto do anterior, certificado do órgano competente do concello en que se recolla a previsión de posta en marcha dunha ou varias liñas de transporte colectivo conforme o sinalado no parágrafo anterior.

4º) Garantía da execución das medidas previstas no estudo integral de mobilidade polo importe total da valoración económica sinalada no propio estudo. Esta garantía poderá prestarse mediante algunha das formas previstas na lexislación de contratos do sector público e será cancelada, de oficio ou por petición do interesado, no momento de denegación da autorización comercial autonómica, no momento de producirse a desistencia ou renuncia, ou no momento da apertura do establecemento comercial autorizado.

Artigo 10. Documentación de carácter ambiental

Na medida en que o proxecto de instalación de establecemento comercial está suxeito aos trámites legalmente previstos para a declaración de impacto ambiental, de acordo co artigo 32 da Lei 13/2010, de comercio, o/a solicitante deberá achegar xunto coa súa solicitude a seguinte documentación de carácter ambiental:

1º) Documento inicial do proxecto para a solicitude de avaliación ambiental, co seguinte contido mínimo:

– Definición, características e localización do proxecto.

– Principais alternativas consideradas e análise dos potenciais impactos de cada unha delas.

– Diagnóstico territorial e do ambiente afectado polo proxecto.

O documento inicial do proxecto deberá identificar o seu autor ou autores co seu nome, apelidos, titulación e documento nacional de identidade. Deberá prever a adopción de medidas positivas de protección e de sustentabilidade ambiental relativas, entre outros, aos seguintes aspectos: contaminación acústica, emisión de gases de efecto invernadoiro, utilización eficiente dos recursos, utilización de fontes de enerxías renovables para o abastecemento e o consumo enerxético, xeración ou mellora de redes de distribución e loxística propias.

Deberanse establecer, como mínimo, os seguintes elementos:

– Un punto de recarga para vehículos eléctricos por cada 800 m2 de superficie útil de exposición e venda proxectada.

– Unha redución do peso do vehículo privado VEHPR en desprazamentos ao establecemento comercial inferior a 15 puntos porcentuais.

– Redución dos quilómetros de transporte de mercadorías (KMTRANSMER) mediante a previsión de fórmulas alternativas como a contratación de subministradores locais de mercadorías.

En relación coa produción e xestión dos residuos, o documento ambiental inicial deberá incluír a seguinte información:

a) Descrición dos residuos producidos en cada proceso ou actividade coa seguinte información:

• Codificación dos residuos segundo a Orde MAM/304/2002.

• Estimación da cantidade anual producida, expresada en quilogramos ou toneladas.

• Declaración do destino de cada un dos residuos xerados. No caso de que o residuo se entregue ao servizo público de titularidade municipal, incluirase copia do acordo coa entidade local pola cal esta asume a súa xestión. No caso de que os residuos se entreguen a xestor autorizado, serán informados os xestores autorizados elixidos.

b) Descrición dos sistemas de recollida selectiva de residuos que se ten previsto implantar. Os sistemas de recollida selectiva terán que ter en conta as ordenanzas e os plans municipais e autonómicos de xestión de residuos para o tipo de residuo producido.

c) Descrición do sistema de almacenamento dos residuos, de acordo coas condicións ambientais e de seguridade exixidas pola normativa sectorial especifica.

Deberase incluír:

• Planos das instalacións con indicación do/s lugar/es de almacenaxe de residuos e un plano detallado da zona de almacenaxe de residuos con indicación da localización dos distintos residuos e fraccións recollidas separadamente.

• Xustificación técnica detallada da tipoloxía dos almacenamentos. En particular, describiranse as áreas de almacenaxe para cada tipo de residuo, o tipo e as características dos envases e colectores e o encubetado, no caso de que existan.

• Capacidade máxima de almacenaxe expresada en peso ou volume.

• Delimitación física das zonas, se é o caso.

d) No caso da solicitude de autorización comercial autonómica dun establecemento comercial colectivo, os datos relativos aos residuos poderanse facer de xeito separado para cada un dos establecementos comerciais, ou de xeito colectivo para todos os establecementos incluídos nel. Neste último suposto, no proxecto incluirase, ademais dos datos anteriores, un proxecto de explotación do sistema común de recollida e almacenamento de residuos que inclúa, polo menos, os seguintes aspectos:

• Capacidade máxima e normal de almacenaxe de residuos e período previsto de almacenaxe, por tipo de residuo (código LER).

• Descrición dos medios de transporte, manipulación e transporte interno.

e) Plan de mantemento e revisións periódicas das instalacións de xestión de residuos. Especialmente desenvolverase o referente aos controis sistemáticos das medidas de detección, control e corrección da posible contaminación a augas, solo ou atmosfera.

2º) Certificación enerxética do proxecto de edificación conforme o disposto na lexislación vixente na materia.

A cualificación de eficiencia enerxética do proxecto debe ser como mínimo da letra B. O certificado de eficiencia enerxética deberá estar inscrito no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios da Comunidade Autónoma de Galicia e deberá estar verificado por unha entidade de control de calidade na edificación acreditada na Comunidade Autónoma de Galicia na área de eficiencia enerxética.

3º) Compromiso de implantación, no prazo non superior a dous anos, dun sistema de xestión ambiental coa inclusión de todos os aspectos e indicadores de seguimento que se establezan na correspondente declaración de impacto ambiental, así como o compromiso de cumprimento dos criterios de sustentabilidade e integración paisaxística establecidos, de ser o caso, pola Xunta de Galicia, para a implantación de establecementos comerciais.

Artigo 11. Documentación de carácter social

O/a solicitante deberá achegar, así mesmo, xunto coa solicitude:

1º) As autorizacións pertinentes para a instalación, de ser o caso, de ludotecas e centros de atención á infancia de acordo co disposto, respectivamente, no Decreto 354/2003, do 16 de setembro, polo que se regulan as ludotecas como centros de servizos sociais e se establecen os seus requisitos, e no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia.

2º) A materialización no establecemento comercial de salas de lactación, de cambiadores de bebés e de repouso para mulleres embarazadas, que deberán contar, como mínimo, co seguinte equipamento:

a) Un mesado con vertedoiro.

b) Un microondas ou un quentabiberóns.

c) Un espazo delimitado para aleitar ou para dar o biberón ou para repouso das mulleres embarazadas con tres ou catro sofás habilitados.

d) Un cambiador de cueiros.

e) Un aseo.

3º) Medidas de carácter social adoptadas en beneficio da comunidade en que se implanta o establecemento comercial.

4º) Os compromisos firmes a favor dos dereitos das persoas consumidoras e usuarias, tales como a adhesión ao sistema arbitral de consumo e a incorporación de novas tecnoloxías da información que permitan mellorar a información ás persoas consumidoras.

Artigo 12. Estudo de impacto ambiental

1. Unha vez presentada toda a documentación referida nos artigos 6 a 11, a consellería competente en materia de comercio requirirá ao órgano ambiental competente a determinación da amplitude e o nivel de detalle do estudo de impacto ambiental.

2. Realizada esta determinación, a consellería competente en materia de comercio dará traslado dela ao solicitante, quen deberá presentar o estudo de impacto ambiental no prazo fixado para o efecto.

Artigo 13. Documentación complementaria

1. O/a solicitante poderá presentar calquera outra documentación que considere relevante para a valoración da súa solicitude.

2. En calquera momento, a consellería competente en materia de comercio poderá requirir á persoa solicitante documentación e/ou información complementaria cando así sexa necesario para poder acordar a concesión da autorización comercial autonómica, de acordo cos criterios previstos no artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, e o seu desenvolvemento no artigo 18 deste decreto.

Artigo 14. Emenda e mellora da solicitude

Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados no artigo 6 así como o disposto nos artigos 7 a 12, requirirase a persoa interesada para que no prazo de dez días emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará que desiste na súa petición e darase por rematado o procedemento, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Sección 2ª Instrución

Artigo 15. Comunicación, audiencia e información pública

1. Unha vez presentada toda a documentación referida na sección anterior, a consellería competente en materia de comercio declarará finalizada a primeira fase do procedemento e o inicio da fase de instrución, comunicando esta circunstancia á persoa solicitante xunto coa indicación do prazo máximo para resolver o procedemento e o sentido estimatorio do silencio administrativo, segundo o disposto no número 6 do artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro.

2. Practicada a comunicación, darase audiencia por un prazo de 15 días aos concellos limítrofes a aquel en cuxo termo municipal se instale o proxecto obxecto de solicitude e, paralelamente, abrirase un trámite de información pública cunha duración de 15 días mediante a inserción do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e nun diario de máxima difusión provincial en que se indique claramente o seu obxecto, o prazo, así como o lugar e os horarios dispostos para consulta. O custo dos anuncios no diario de máxima difusión provincial e no Diario Oficial de Galicia será por conta da persoa solicitante.

Artigo 16. Declaración de impacto ambiental

1. Finalizado o trámite de información pública e consultas, a consellería competente en materia de comercio remitirá o expediente ao órgano ambiental competente co fin de que se formule a declaración de impacto ambiental.

2. De acordo co disposto no artigo 32.3.b) da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, durante a tramitación da avaliación de impacto enténdese suspendido o procedemento para resolver a autorización autonómica.

Unha vez emitida a declaración de impacto ambiental, continuarase o procedemento para a concesión da autorización comercial autonómica.

Artigo 17. Informes

1. Ao tempo de solicitar a declaración de impacto ambiental, a consellería competente en materia de comercio solicitará os seguintes informes:

1º) Informe da consellería competente en materia de ordenación do territorio e urbanismo sobre a adecuación da nova implantación aos instrumentos de ordenación do territorio.

2º) Informe da consellería competente en materia de transporte sobre o estudo integral de mobilidade, en que se analizará a existencia ou a suficiencia das medidas propostas en relación co transporte interurbano e coa mobilidade en xeral de clientes/as e traballadores/as, asegurando que sexan adecuadas e suficientes para desconxestionar o tráfico rodado e acceder en condicións de regularidade e intensidade á implantación comercial.

3º) Informe do concello en cuxo termo municipal se pretenda instalar o establecemento comercial. Este informe deberá pronunciarse sobre o cumprimento dos seguintes criterios, de acordo co artigo 32 da Lei 13/2010:

a) A viabilidade urbanística, tendo en conta a plena concordancia do establecemento proxectado coas determinacións establecidas no planeamento xeral e os instrumentos de desenvolvemento e xestión urbanística e o resto de normas de competencia municipal.

b) O adecuado cumprimento da normativa reguladora en materia de accesibilidade, circulación e mobilidade contidas no proxecto e a previsión de mellora das infraestruturas que permitan a fluidez do tráfico rodado xerado pola implantación comercial no suposto de que as existentes non resulten adecuadas.

c) A disposición de, polo menos, unha praza de aparcadoiro por cada 20 m2 de superficie útil de exposición e venda ao público, salvo casos xustificados baseados en razóns de imposibilidade material debidamente xustificadas. Deberase prever a reserva de prazas para persoas discapacitadas segundo a normativa vixente.

d) Establecemento de liñas de transporte colectivo que desconxestionen o tráfico rodado e aseguren a conexión dos principais núcleos urbanos co establecemento proxectado.

e) O cumprimento das normas que habilitan a apertura do establecemento.

4º) Informe da consellería competente en materia de familia e menores sobre a documentación de carácter social e, especificamente, sobre a adopción e materialización no establecemento de instalacións e medidas de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, así como o cumprimento da normativa vixente das instalacións dirixidas aos menores e a existencia de medidas sociais que beneficien o contorno.

5º) Informe do Consello galego para a promoción da accesibilidade e a supresión de barreiras sobre o cumprimento da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e o Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento da lei.

6º) Informe do organismo galego de defensa da competencia, que non poderá versar sobre aspectos económicos.

2. Ademais dos informes sinalados, a consellería competente en materia de comercio poderá solicitar todos aqueles que se consideren precisos ou convenientes para a resolución do procedemento de autorización comercial autonómica.

3. De conformidade co establecido no artigo 32.4 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, despois de transcorreren dous meses desde que se teña constancia da recepción da petición de cada informe sen que exista pronunciamento expreso para o efecto, poderanse proseguir as actuacións, xa que se presumirán favorables. Non obstante, no suposto de ausencia do informe do concello, de acordo co mesmo artigo da Lei 13/2010, poderá solicitarse a información complementaria que resulte precisa e conste á disposición da consellería competente en materia de urbanismo e transporte.

Artigo 18. Proposta de resolución

1. Emitida a declaración de impacto ambiental así como os informes previstos no artigo 17 ou, neste último caso, transcorrido o prazo indicado no seu número 3, o expediente será remitido á comisión consultiva prevista no artigo 20.3 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia. Esta comisión, de acordo co artigo 32.5 da lei, efectuará a proposta de resolución baseada nos criterios de concesión da autorización legalmente previstos.

2. A comisión consultiva poderá neste trámite requirirlle á persoa solicitante ou aos órganos informantes, a través do órgano de dirección competente en materia de comercio, a ampliación dos informes, as aclaracións que coide pertinentes ou canta documentación considere oportuna para a emisión do citado informe, co fin de resolver dentro do prazo establecido.

Artigo 19. Criterios de valoración

1. A concesión da autorización comercial autonómica estará fundamentada nos criterios de interese xeral sinalados no artigo 32 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.

2. Para o efecto de comprobar o cumprimento dos criterios e motivar a concesión ou denegación de autorización comercial autonómica, teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Adecuación do proxecto aos instrumentos de ordenación do territorio aplicables.

b) Viabilidade urbanística do proxecto:

– O uso do solo deberá ser necesariamente comercial non compatible con outros usos ou ben comercial compatible con outros usos terciarios.

– Valorarase especialmente que o proxecto non implique ningunha modificación do planeamento urbanístico municipal.

c) Accesibilidade, circulación e mobilidade:

– Cumprimento da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro.

– Adecuación do estudo integral de mobilidade.

– Existencia ou suficiencia das medidas propostas en relación co transporte urbano e coa mobilidade en xeral de clientes e traballadores no estudo de mobilidade achegado pola persoa interesada.

– A existencia ou previsión de establecemento de liña/s de transporte colectivo que conecte/n o establecemento comercial proxectado cos principais núcleos urbanos do seu contorno.

– A cadencia e regularidade das liñas de transportes existentes, exixíndose unha cadencia mínima dunha hora e valorándose positivamente a existencia de cadencias máis breves nos seguintes tramos; de 30 minutos ou inferior, de 15 minutos ou inferior.

d) A existencia dunha dotación mínima de prazas de aparcadoiro de 1 por cada 20 m2 de superficie comercial salvo casos xustificados baseados en razóns de imposibilidade material, que serán valoradas pola Administración autonómica.

Deberá preverse a reserva de prazas para persoas discapacitadas segundo a normativa vixente. Valorarase positivamente a superación en ambos os casos da dotación mínima.

e) Viabilidade e legalidade ambiental do proxecto:

A declaración de impacto ambiental constitúe a acreditación do cumprimento deste criterio.

f) Medidas sociais:

– Existencia de ludoteca, centros de atención á infancia e sala de lactación, de cambiadores de bebés e de repouso para mulleres embarazadas. Excepcionalmente, polo tipo de establecemento que se vaia crear, poderá atenuarse esta necesidade coa creación de centros de ocio infantil regulados no catálogo de espectáculos públicos e actividades recreativas da Comunidade Autónoma de Galicia ou un servizo de canguros para a atención esporádica de nenos e nenas.

– Número e tipo de postos de traballo por superficie.

– Servizos ao/á cliente/a.

3. O cumprimento destes criterios, que deberá xustificarse no proxecto, analizarase nos informes sinalados no artigo 17.

Sección 3ª Finalización do procedemento

Artigo 20. Resolución

1. De acordo co artigo 32 da Lei 13/2010, a autorización comercial autonómica será concedida mediante resolución da persoa titular da consellería competente en materia de comercio con carácter previo á obtención da licenza da obra municipal, así como a obtención de calquera outra licenza ou permiso doutra entidade ou Administración que sexa exixible, de ser o caso.

2. A resolución que se dite deberá ser motivada e fundamentarse nos criterios previstos no artigo 32 da Lei 13/2010, desenvolvidos no artigo 19 deste decreto.

A concesión quedará sometida, durante todo o seu tempo de duración, ao cumprimento das condicións expresamente establecidas na resolución de concesión que, en todo caso, conterá os condicionantes e requisitos exixidos nos informes sectoriais emitidos.

3. A persoa titular da autorización comercial autonómica deberá comunicar ao órgano de dirección competente en materia de comercio:

– O inicio e o final das obras así como a posta en marcha da actividade comercial. A comunicación realizarase no prazo máximo dun mes mediante unha declaración responsable.

– Toda modificación substancial das condicións tidas en conta para a concesión da autorización. A comunicación realizarase mediante unha declaración responsable no prazo máximo de 10 días hábiles desde que se produza o feito que a orixine, co fin de que se valore a vixencia da autorización concedida.

Artigo 21. Prazo de resolución

1. De acordo co número 6 do artigo 32 da Lei 13/2010, o prazo máximo para resolver o procedemento da autorización comercial autonómica será de seis meses contados desde a entrada no rexistro do órgano competente en materia de comercio da documentación completa, incluídos os xustificantes de aboamento das correspondentes taxas, segundo o indicado na sección primeira do capítulo segundo deste decreto. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase estimada por silencio administrativo.

2. Excepcionalmente, poderase acordar a ampliación, por unha soa vez, do prazo máximo para a resolución e notificación, mediante motivación clara das circunstancias concorrentes. A devandita ampliación non poderá exceder a metade do tempo previsto para a tramitación do procedemento. O acordo de ampliación deberá notificarse á persoa solicitante.

Artigo 22. Desistencia e renuncia

1. Calquera persoa física ou xurídica que teña solicitado autorización comercial autonómica poderá desistir da súa solicitude ou renunciar aos seus dereitos xa adquiridos.

2. A desistencia e a renuncia poderanse exercer nos termos establecidos na lexislación do procedemento administrativo común.

Capítulo III
Réxime xurídico da autorización comercial autonómica

Artigo 23. Vixencia da autorización comercial

1. De acordo co artigo 34 da Lei 13/2010, a vixencia da autorización comercial autonómica terá carácter indefinido. Non obstante, a autorización caducará no caso de que o proxecto de instalación do establecemento comercial autorizado non se realizase no prazo dun ano, contado desde que finalice o prazo sinalado no calendario presentado para a súa realización.

A persoa titular da autorización comercial poderá solicitar, antes de finalizar este prazo, mediante escrito motivado, a prórroga do prazo por un período máximo de seis meses.

2. A caducidade declararaa de oficio o titular da consellería competente en materia de comercio.

3. No suposto de modificación substancial das condicións tidas en conta para a concesión da autorización, tras a comunicación prevista no artigo 20, valorarase a vixencia das circunstancias que motivaron a autorización concedida. Para tal efecto poderáselle solicitar á persoa titular a documentación precisa que afecte as circunstancias modificadas.

Artigo 24. Revogación

1. A consellería competente en materia de comercio poderá revogar a autorización comercial autonómica cando concorra algunha das seguintes circunstancias, sempre que sexan imputables á persoa titular da autorización:

a) Incumprimento grave das determinacións establecidas na propia autorización comercial autonómica e, particularmente, das determinacións previstas na declaración de impacto ambiental.

b) Denegación da licenza urbanística.

c) Incumprimento grave dos compromisos adicionais aos exixidos legalmente vinculados á autorización comercial autonómica e libremente asumidos pola persoa titular.

d) Incumprimento das obrigas de comunicación previstas no artigo 20.

2. A revogación acordarase logo de trámite de audiencia. Na medida en que se fundamenta nos incumprimentos da persoa titular da autorización, non dará dereito a indemnización.

Artigo 25. Transmisión da titularidade dun establecemento comercial sometido a autorización comercial autonómica

A transmisión da titularidade dos establecementos comerciais suxeitos a autorización comercial autonómica deberá ser comunicada por parte da nova persoa titular á consellería competente en materia de comercio no prazo de tres meses desde o seu perfeccionamento.

Artigo 26. Simplificación administrativa

De acordo co disposto no artigo 33 da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia, o procedemento para a obtención da autorización comercial autonómica eximirá da necesidade de obter a licenza municipal de actividade para a posta en funcionamento da instalación.

Disposición transitoria única

Mentres non se regule o procedemento pola normativa correspondente, non será exixible que a entidade de control de calidade na edificación que verifique o certificado de eficiencia enerxética previsto no artigo 10.2 estea acreditada na Comunidade Autónoma de Galicia na área de eficiencia enerxética.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento do decreto

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de comercio para ditar as normas necesarias para a execución, o desenvolvemento e a aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e cinco de outubro de dous mil doce

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Javier Guerra Fernández
Conselleiro de Economía e Industria